Cospedal minimalista
23 de Xuño de 2011Preguntan: Que valor teñen as medidas anunciadas por María Dolores de Cospedal para Castela-A Mancha? Como boa devota do Estado Mínimo, de Cospedal santifica con austeridade o seu goberno. Redúcense o número de altos cargos, pero a presidenta durmirá tranquila, “externalizaranse” os asesoramentos cara a eficaces consultorías amigas. Recórtanse subvencións a sindicatos e organizacións empresariais; castigarase aos malos pero premiarase aos bos coa asinatura de xentís convenios. Tamén ten moito encanto o anuncio de que saneará a TV autonómica para despois privatizala. Os custes contabilizaranse na facenda autonómica e os beneficios na conta de resultados de empresarios liberais. Conxélase a prometida rebaixa nos impostos porque ten un impacto na caixa dos gastos e, na andaina inicial, imponse unha política de xestos, cosméticos e indoloros, que non afecten as súas capacidades de Goberno. E para poder adornarse cunha acción de goberno máis discrecional hai que liquidar o maior número de controles institucionais sexa o Defensor do Pobo, a Comisión de Competencia ou o Consello Económico e Social. Máis que valor hai que ter coraxe, tanta que até o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tivo que abeirarse nun relativismo extremo para xustificar o descaro do cambio (conservador) castelán-manchego.
Espellismo
22 de Xuño de 2011O currículo de Belén do Campo rexistra que foi senadora e deputada en Cortes; agora é a remuda de Diego Calvo na Delegación Territorial da Xunta na Coruña. Moi agradecida ao presidente Feijóo pola confianza, ten claro que «a austeridade aplicada pola Xunta foi positiva e non afectou para nada ás necesidades do cidadán [...] Despois de dous anos, a xente comprobou que o sistema de benestar en Galicia no sufriu ningún recorte». En Onda Cero, o seu ben amado presidente, a propósito do novo horario que se quere impor aos docentes, quitáballe a razón e recoñecía, con inédita coraxe, que 100 ou 125 profesores interinos quedarán sen emprego. Alfonso Guerra nun arrouto dixo que tras o paso modernizador do PSOE polo Goberno a España non ía recoñecer nin a nai que a pariu. Feijóo pode dicir outro tanto no que lle toca ao sistema galego de benestar. Van ser tantas as ramas chapodadas que van impedir ver as árbores e o bosque. Non o vai recoñecer nin o xardiñeiro que o plantou.
Blanco cede o mando
21 de Xuño de 2011A estratexia electoral de Rubalcaba será encamiñada por Elena Valenciano. José Blanco dá un paso atrás. Ou é obrigado a dar un paso atrás. En todo caso, é un indicio da mala saúde electoral do Partido Socialista. Se entendese que había posibilidade algunha (mesmo remotísima) de vitoria, Blanco pelexaría por estar á fronte da dirección da campaña. Unha nova derrota que aforra o crepuscular número 2 socialista. Abondo dura foi a do 22-M. Malos tempos para un partido gobernamentalista que, posiblemente, acabará desposuído de todo goberno. Blanco nas marxes e o PSOE privado de todo poder político substantivo. Negro futuro. Como nunca, desde o inicio da Transición, en España confírmase un réxime de partido ultradominante. O novo PRI non será o PSOE, será o Partido Popular.
Taboleiro electoral
6 de Maio de 2011Inicio da campaña. Noite de grilos na Maía para saudar a ritual pegada de carteis. Os paneis de fimapán apareceron primorosamente rotulados e partillados. A cada unha das candidaturas que se ofrecen aos amesáns déronlle unha tenza. Proporcionar á representación que PSdeG, PP e BNG teñen no Pleno. E unha mínima parcela para as dúas candidaturas extracorportativas: Esquerda Unida, que non obtivo representación en 2007, e Ames pola Esquerda, que se estrea nesta convocatoria. As dúas de dimensión liliputiense. Terán dificultades para colar máis de dous cartaces nelas. Unha escravitude máis da democracia mediática, primeiro cota de papel, despois cota de pantalla e, agora, cota de fimapán. A innovación aínda non se sabe ben a quen debe ser agradecida; se á salomónica Xunta Electoral ou ao magnánimo alcalde.
Promocións
11 de Abril de 2011Na contraportada do xornal de Bieito Rubido fan por axudar ao noso presidente cun titular dos que carga o diaño: «O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, paséase por Madrid con Ángel Exposito». É o engado para que saibamos que ás 20.20 horas estará no parladoiro de La 10 Noticias.
Se son certas as informacións que lle deron a Esther Jaén, de Cuarto Poder, o líder do PPdeG, ademais de pasear por Madrid, deberá aproveitar a ocasión para despexar malos humores e gañarse novamente o favor do círculo de poder marianista na Rúa Xénova. A xornalista, que ademais predica en medios do Tea Party Hispano, titulou a súa análise «O díscolo Núñez Feijóo xa non é ministeríabel de Rajoy».
Os xenoveses están amolados con el porque vai por libre e non fai caso a ninguén. Pesan sobre o presidente galego dúas duras acusacións que, de ser verdade, o farían merecente dun pechado aplauso. Din que que Feijóo non somete a súa acción de goberno ao control do PP. Críticano por non aceptar recoñendacións na súa política de nomeamentos.
Anota Jaén: «Desde Xénova tentouse sen éxito impulsar a certos xornalistas para que ocupasen postos e obtivesen contratos en CRTVG (Compañía de Radio e Televisión de Galicia), ademais da outros técnicos afíns ao partido, para que se incorporasen a algunhas Direccións Xerais e mesmo cargos de maior rango, en varias consellerías. A porcentaxe de maleabilidade neste terreo do díscolo Núñez Feijóo foi cero. De todos os suxeridos, nin un.»
Como xa lle recomendou Antón Baamonde, Feijóo, para pintar algo en España, terá que facerse ruído, contrariar e amolar aos capitalinos, non lle van premiar pola súa mansedume: «A fórmula para ter certo perfil na España que vén xa está inventada, e chámase fraguismo. Un certo centrismo, cun galeguismo de sobremesa, modulado e inocuo, apto para menores.»
Veremos como se mostra en La 10 Noticias. Como un presidente díscolo ou como o acomodado líder con raíces que un esperto conselleiro (Rueda? Vázquez?) lle regalou a Esther Jaén: «É verdade, non é ministeriábel, porque é e vai seguir sendo presidente da Xunta e ao que se dedica é a gobernar en Galicia e a xestionar o mellor posíbel os nosos recursos, porque é o mellor xestor». Uvas verdes ou verdes uvas?
Raíces podres
8 de Abril de 2011Raíces podres, pouco que facer. As retesías internas cisman ao Partido Socialista de Andalucía. O EREgate desfiuza as credibilidades doutrora. Os negocios da familia Chaves alentan negras sospeitas sobre o tráfico de influencias no Califato socialista. A fatiga cidadá e as sondaxes traballan en favor do Partido Popular. Esténdese a idea de que un hixiénico relevo é o mellor para a saúde democrática do autogoberno andaluz. Produce arrepío pensar que os beneficiarios da onda rexeneradora sexan os mesmos que abeiran a corrupción extrema de Camps, defendían a pulcra contabilidade de Barcenas ou bendicían os chanchullos de Gürtel. A ofensiva mediática de El Mundo e Abc lembra a que padecimos en Galicia nas vésperas do 1-M. Arenas está listo para exercer de Núñez Feijóo. Será o eficaz xestor dunha soberana incompetencia. A previsíbel ruína electoral dos socialistas andaluces certificará unha longa permanencia do PP no Goberno do Estado. Unha das amarguras da democracia é que, con lamentábel frecuencia, non deixa marxe á elección. Resulta obsceno ter que escoller entre a complicidade co malo ou a santificación electoral do peor. Coidar das raíces democráticas do goberno é a primeira obriga da esquerda. Se fracasamos, non podemos esperar máis que unha triste derrota.
Blanco: 10 conxecturas
25 de Xaneiro de 2011Opinión de José Blanco sobre a sucesión de Rodríguez Zapatero nun almorzo de Fórum Nueva Economía: «Rubalcaba é unha opción, algúns din que é a mellor, a miña opinión dareina cando o presidente do Goberno anuncie, se é que o anuncia en contra do desexo dos socialistas, que dá un paso atrás». En resumo conxectural:
- Que el quere que Zapatero se presente.
- Que Rubalcaba (de entrada) non é o seu candidato.
- Que hai outros candidatos e que terán que medirse.
- Que está pensando no poszapaterismo.
- Que Blanco non está disposto a dar ningún paso atrás, nin a ceder un chisco do poder que hoxe atesoura.
- Que Blanco non está disposto a dar un paso adiante postulándose como candidato sucesor.
- Que non é certo que Blanco non saiba se sobe ou se baixa, xa que non está disposto a baixar en ningún caso.
- Que de non continuar Zapatero e Blanco quede como está na actualidade, terá moito máis poder xa que o novo candidato investido o fará con menos poderío do que ten Zapatero a día de hoxe.
- Que se Rubalcaba non se postula, Blanco imporá ao seu candidato, sexa o tapado ou a tapada quen sexa.
- Que Blanco abriu unha panadería no centro do pobo e, antes ou despois, quen queira liderar o PSOE terá que ir a preguntarlle a canto está a barra, a fariña, a masa ou o lévedo.
O que o vento se levou
13 de Xaneiro de 2011O día do anuncio triunfal da transparente concesión eólica, o conselleiro Guerra dixo que se crearían 1.600 empregos directos na construción e explotación dos parques; 500 máis en plans tecnolóxicos vinculados e outros 3.166 nos plans industriais. Despois, segundo unha estimación conservadora, sumáronse 8.000 postos indirectos. Estimación de postos laborais indirectos por cada posto directo (1,5) que, malia cualificar como conservadora, case duplica o coeficiente de creación de empregos indirectos que se documentan no Estado español (0,8).
Segundo o noso conservador goberno conservador crearíanse 6 empregos por MW. Xa lle poden explicar a fórmula ao goberno de Aragón onde a cada MW só lle tiran 0,5 postos de traballo ou ao de Estremadura que, estirándose, chega a 3. Aínda que sempre hai quen gañe, en Andalucía o dato publicado é de 6,4. Menos gobernamentais, as contas de Greenpeace son que tan só se xeran 0,4 empregos por MW. En Galiza prometéronse 13.226 empregos, para entendernos un número equivalente aos novos parados de 2010 (14.747).
Agora, cando hai que concretar as amigábeis concesións, unha voz limpa dinos que un terzo dos beneficiarios do modélico concurso eólico están valorando non desenvolver o proxecto industrial que está asociado á concesión e que, a cambio, vanos capitalizar; é dicir, que van dar cartos a unha sociedade de capital-risco da Xunta para compensar o abandono das iniciativas industriais. Cando remate a campaña de rebaixas e capitalización, refará o balance de emprego do eólico? Dirannos cantos postos de traballo se van crear cos fondos da nova sociedade de capital-risco? O máis probábel é que os anoten no inventario do que o vento se levou, á carón dos que ían crear co milagreiro Xacobeo 2010, outra grandiosa realización da política efémera de Núñez Feijóo.
Infidelidades
12 de Xaneiro de 2011En Cultura|s, Ferran Mascarell, ex do PSC e agora conseller de Mas, reconstrúe o dietario da súa decisión: «O teu partido de referencia non está no seu mellor momento. Está enrocado e moi posibelmente a hipótese de facer cos seus opoñentes o que nunca deixaron que fixeses con eles pareceralles inadmisíbel. Domínalles un formato antigo de política. Prefiren a confrontación á concertación. O diálogo de tenteo con algúns dos máximos dirixentes faicho evidente: non lles parece concibíbel. Só se lles ocorre falarche do carné que deberás devolver. Non consegues falar de política, só de carnés e inimigos; menos aínda de cultura. A cultura non importa. O circuíto de chamadas vaise ampliando. Todos os argumentos son parecidos. Todos o expoñen en termos de confrontación. Son proxectos opostos, antagónicos. Si –digo eu–, pero o noso país non está precisamente para catro anos de enfrontamentos á vella usanza. Cataluña necesita concertación, non confrontación».
A Mascarell caéronlle moitas polo seu cambio de lealdade. Na Galiza de Feijóo, o caso máis parecido é o de Anxo Lorenzo. Na de Manuel Fraga, Alfredo Conde. Todo apunta a que hai algunha semellanza pero que non é o mesmo. Aquí, onde a colaboración cos do mesmo bando é xa un reto moitas veces encorado polo cainismo e cos próximos un asunto (case) imposíbel polo seitarismo, tentar valorar calquera colaboración cos antagonistas maiores sáese das marxes da ficción. A política lingüística e cultural da Xunta traza (adicionalmente) unha fronteira insalvábel e a súa pasividade e falta de iniciativa os enterra no bunquer da súa maioría parlamentaria. A concertación de política é urxente, pero Galiza non é (de momento) país para (moitas) políticas novas, quen manda –no goberno e nos partidos– inviste en indiferenza ou en confrontación. De reparar nalgunha afirmación de Mascarell, creo que é esta: “a hipótese de facer cos seus opoñentes o que nunca deixaron que fixeses con eles”. Máis que a ambición, a semente do desencanto é o que explica case que sempre a infidelidade (política).
Feijóo, o pozo e o péndulo
11 de Xaneiro de 2011Indígnanse PSdeG e BNG porque os datos anuais sobre o desemprego sorprenderon a Núñez Feijóo laboriosamente ocupado nunhas envexábeis vacacións en Brasil. O paro é un problema que preocupa moito ao presidente. No discurso de fin de ano condensouno en primeira persoa e teceu un emotivo vínculo cos desempregados e as súas familias: “Somos moitos os galegos que vivimos tamén o drama familiar do paro (…). Desde a experiencia persoal propia e tamén desde a responsabilidade que exerzo neste momento –francamente difícil– quero dicirvos que sempre debe haber un espazo para a ilusión e que nunca o desalento debe chegar á vencela”. Vibrante exordio que, pola brevidade do guión, non acompañou con precisos pormenores das súas moi eficaces medidas para crear emprego.
Antes de marchar ao paraíso brasileiro insistiu na necesidade de adiantar as eleccións xerais para poder contar, canto antes, cun Goberno lexitimado que tire a España do pozo económico, financeiro e laboral. Feijóo cre que se acaba coa crise a base de machucarlle (dialécticamente) as cellas a Zapatero, o poceiro culpable dos nosos males. Xordo ao consello de Nietzsche, que avisou que de tanto combater ao monstro se acaba sendo como o monstro, o noso presidente non se decata de que se lle está poñendo cara de Zapatero e que, como el, confía a súa política a un milagre económico espontáneo que mellore a (di)xestión da crise, nos faga recuperar a senda da prosperidade e lle permita adelgazar o paro antes de que sexa demasiado tarde; é dicir, antes de ter que volver presentarse como candidato á presidencia da Xunta (se outras glorias maiores non o secuestran).
Cando a depresión económica foi innegable, os expertos dixeron que a crise tería forma de V, tras unha caída rápida e aguda, seguiría unha recuperación igualmente veloz. Agora, os optimistas sinalan que terá perfil de U, cun descenso acusado, unha prolongada situación crítica e unha serodia (pero sostida) reactivación. Os máis pesimistas vaticinan que o percorrido de moitas economías será en L, un fundimento brusco e cunha drástica perda de capacidade produtiva que provocará unha quebra dramática do emprego e o benestar (da que xa veremos cando somos capaces de saír). Sexa cal for a letra que toque, o goberno co que soña Rajoy terá a crise na súa axenda e tamén será xulgado electoralmente polo que lles poña no prato aos cidadáns. Como no angustioso relato de Poe, os estrategos do PP non saben de que preocuparse máis, se da fondura do pozo que, de gañar as eleccións, herdarán de Zapatero ou do péndulo das súas responsabilidades que, con teimuda certeza, se lles botará enriba cando sexan eles os que teñan que tomar as decisións económicas.
Para non verse nun escenario tan aterrador, Feijóo decidiu borrarse como actor protagonista –ou secundario– de toda competencia na xestión da crise e das políticas de emprego. Desenganémonos, as ausencias do presidente non son vacacionais, son permanentes e estratéxicas para non ter que render contas sobre a profundidade do pozo en Galicia e evitar así verse colocado na esmagadora traxectoria do péndulo. Para evadirse alega que a reforma do mercado de traballo –que di indispensábel para crear emprego– é competencia e responsabilidade do Goberno central. Hai poucos días, un dos autores do Informe Galicia 2010, Enrique Negueruela, desmontaba a coartada: “As reformas laborais non crean emprego, cambian as condicións de traballo. O traballo créao o investimento público e privado”.
A Xunta ten as competencias das políticas activas de emprego, liberdade para fixar incentivos para o investimento privado e pleno capacidade para mobilizar recursos propios en plans territoriais e sectoriais de fortalecemento do tecido produtivo e para a creación de postos de traballo. No entanto, Galicia non ten (e seguirá sen ter) unha estratexia fronte á crise, Feijóo nin está (nin se lle espera) impulsando ningunha política de emprego e iso que, nunha graciosa conferencia no Club Financeiro de Vigo en febreiro de 2009, ofreceuse: “Eu non quero ser o presidente que goberne o paro, quero ser o presidente que goberne o emprego”. A súa política está macerada pola falta de coraxe e a desmemoria pero non impide ver que responde obedientemente á fórmula que Bertold Brecht adxudicaba a algúns gobernantes do seu tempo: cren que a única forma de superar un problema é empeorándoo. Niso está (cando está) Feijóo, o noso presidente do emprego.